Estreouse a Pradolongo, un filme de Ignacio Vilar gravado íntegramente na comarca de Valdeorras (Ourense). A historia trata sobre tres amigos da infancia que ven como se vai deteriorando a súa amizade por algo tan importante nas nosas vidas como é o amor. Raquel, Martiño e Armando son os protagonistas nesta longametraxe, e son tres mozos que acaban de cumprir a maioría de idade.
O pasado venres 14 estreouse nos cines de A Rúa e O Barco de Valdeorras Pradolongo. A película irá chegando paulatinamente ao resto das cidades galegas nas vindeiras semanas, pero os primeiros días de proxección significaron todo un éxito de público, con datos de asistencia inéditos nestas dúas vilas, xa non para unha película galega, senón para calquera filme que ten chegado aos cines da comarca.
A película ven de xuntar tan só nas sesións de sábado e domingo a máis de 1.600 espectadores (en tan só dúas salas de A Rúa e O Barco), e durante toda a fin de semana producíronse colas nos dous cines nos que se proxecta, e de feito en varias sesións a xente non puido acceder por estar esgotadas todas as localidades.
A película comezará a xirar polo resto das cidades galegas a partir das seguintes datas:
28 de marzo en Ourense
4 de abril en Vigo
11 de abril A Coruña
18 de abril Pontevedra e Narón
Ningún comentario:
Publicar un comentario