Visitas

2008/10/20

O galego é o terceiro idioma no País Vasco

O galego é o terceiro idioma máis falado no País Vasco, despois do castelán e do vasco, segundo manifestou Xosé Estévez, profesor da Universidade de Deusto, nun acto organizado na cidade pola Fundación Galiza Sempre. Estévez referiu tamén un estudo sociolóxico, dirixido por Ruiz de Olabuenaga, que cualifica a emigración galega nesa nacionalidade histórica de «amable» e destaca que se trata dunha «comunidade integrada» e que «mantén as súas tradicións». Ese colectivo está conformado por 63.744 persoas, indicou Estévez, e moitas delas casaron no País Vasco.

Este coñecido historiador rememorou o pacto Galeuzca, firmado en Compostela por representantes galegos, vascos e cataláns hai 75 anos, o 25 de xullo de 1933. O documento orixinal, en galego, foi encontrado hai pouco na Universidade de Reno, nos Estados Unidos, entre as páxinas dun libro da biblioteca de Ramón Goñi, un alto cargo do PNV. Estévez salientou as repercusións daquela iniciativa até 1959, antes da guerra de 1936 e despois no exilio.

Ningún comentario: