Visitas

2008/03/31

O GNL entrevista a Xurxo Mariño


No Sánchez Cantón, o seu libro “Os dados do reloxeiro” está recomendado polo departamento de lingua galega, e é lido polos alumnos de 2º de bacharelato como pode ver en https://www.blogger.com/comment.g?blogID=36558230&postID=116180978881445632 . Será de bo proveito para todos os lectores coñecer algo acerca do autor.


Como podemos aprezar no seu sitio web, ten un destacado posto de traballo. Podería falarnos sobre el?



O posto de traballo en si non creo que sexa tan destacado, son un simple profesor de Universidade. O que si e certo é que teño unha actividade máis intensa ou variada que o habitual. Na Universidade da Coruña imparto clases en 7 materias diferentes: Fisioloxía, Bases de neurociencia para CC. da saúde, Fundamentos de medicina do sono, Tratamento de datos nas técnicas instrumentais, Técnicas electrofisiolóxicas, Fisioloxía do sistema nervioso e Cerebro e computación (estas dúas últimas na Univ. de Santiago, dentro dun programa de posgrao interuniversitario). É algo atípico impartir docencia en tantas materias, debe ser que son un inconsciente. Dúas das materias foron creadas por min xunto con outros colegas simplemente porque son temas que nos gustan: Cerebro e computación (que a imparto xunto cun físico da USC), e Tratamento de datos nas técnicas instrumentais (que a imparto xunto con físicos e enxeñeiros da UDC).
Logo, aparte da docencia, na UDC dedico incluso máis tempo á investigación, dentro do grupo Neurocom. Facemos experimentos de electrofisioloxía para comprender o funcionamento eléctrico do sistema nervioso, os códigos de información das neuronas, e cousas así, todas elas fascinantes.
Aparte deste e outros traballos na UDC (con “outros” me refiro a cousas máis administrativas, como comisións, coordinacións, etc), tamén paso moito tempo liado con outras actividades, como a divulgación científica (como colaborador no Consello da Cultura Galega, ou na Radio Galega, ou facendo o que chamamos “cafés-científicos”, etc). Tamén son coordinador do boletín que edita a “Sociedad Española de Neurociencia”, que é un medio de contacto de todos os neurocientíficos do Estado, e ás veces colaboro como asesor científico coa Xunta de Galicia e outras institucións. E algunha outra cousa na que me meto, probablemente debido a unha falta innata de sentidiño.

Tratará a cotío con moitísima xente, en que lingua o fai? E coa mocidade en xeral?


Tanto como “moitísima”, non; o que si que é certo é que trato con xente moi moi variada. Utilizo o galego, o castelán, e ás veces tamén o inglés se é o caso, todo depende das circunstancias específicas. As charlas que dou en Galiza son en xeral en galego, pero por exemplo, o noso grupo de investigación organiza unhas xornadas científicas que poden ser estatais, nas que se fala en castelán, ou internacionais, nas que o idioma “oficial” é o inglés. Coa mocidade, cos amigos, nos bares, nas tendas, etc... falo en galego.




Ao seu cavilar, que importancia ten a lectura para a mocidade?


Absoluta, esencial. Cada un de nós ten que procurar ter unha visión crítica do mundo, e non creo que se chegue a iso dunha maneira plena sen a lectura dun bo número de libros. Non é importante só para a mocidade, claro, pero é certo que a xente nova está nunhas condicións idóneas de inquedanza, de absorción de información, nas que a lectura pode –e debe– ter un papel moi importante. Os libros permiten mergullarse na mente doutras persoas, son unha viaxe ao coñecemento e ás ideas da nosa sociedade, unha experiencia totalmente distinta á que se obtén a través doutros medios como poden ser viaxar, falar coa xente, navegar por internet, manexar libros dixitais, etc. Por suposto que todos estes medios son tamén fascinantes, útiles e importantes para que agrome unha riqueza intelectual en calquera individuo; eu, por exemplo, son un “friki” da tecnoloxía, os ordenadores, a programación, e tamén un amante de viaxar por aí e “patear” montañas ... pero, con todo, os libros seguen a ser o meu medio preferido de formación intelectual. A lectura require unhas condicións de recollemento, de concentración, de illamento que, chegado o momento, son estupendas para que se che poña a pel de galiña. Quen ten tido esta experiencia lendo un libro, xa non os solta nunca máis; hai libros que marcan toda unha vida.

Sendo vostede unha persoa tan ocupada, como saca tempo para escribir?


Tempo hai dabondo se se goza co que se fai, iso é o importante. Aparte do anterior, eu non fago moitas distincións entre os días laborables e os festivos, calquera día é bo para poñerse a facer algo. Ademais, agora a tecnoloxía permite ler, escribir e manipular información desde case calquera lugar, polo que é máis doado gozar e aproveitar o tempo.

Ten o apoio dalgunha institución?


Si. O Consello da Cultura Galega axúdame en todo o que pode para facilitar a labor de divulgación científica e, por suposto, tamén a Universidade da Coruña. Tamén teño un apoio moi activo por parte da Xunta de Galicia (principalmente da Dirección Xeral de I+D+i) e da “Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología” (FECYT).

En “Os dados do reloxeiro”, mestura ciencia e narrativa. Como se lle ocorreu esta idea? Que importancia ten a narrativa e que lle aporta á ciencia ao seu parecer?


Non é unha idea miña, é algo que xa se ven facendo desde hai tempo no mundo anglosaxón. A idea esencial é transmitir que a ciencia e unha forma de coñecemento que tamén forma parte do que tradicionalmente se entende como cultura. A cultura non pertence ao campo das humanidades, a ciencia tamén é cultura, e moito máis agora que algunhas das súas disciplinas, como a cosmoloxía ou a fisioloxía, están comezando a dar pistas sobre algunhas cuestións filosóficas esenciais: de onde vimos? é a mente un produto do cerebro?
Por outra banda, tamén é importante transmitir que a ciencia non é unha cousa abstracta da que se ocupan persoas vestidas de branco; senón que é unha forma de coñecemento, unha ferramenta útil, fascinante e divertida que sirve para comprender todo o que nos rodea: todos somos científicos, ou deberíamos selo. Para transmitir isto hai que contar as cousas con naturalidade, en forma de novela se é preciso.


Está a piques de saír o seu último libro, “Pó de estrelas”. Segue a liña anterior ou terá outro carácter innovador?

Os textos seguen a mesma liña, son unha recompilación de escritos que xa están publicados no portal culturagalega.org; se cadra están algo máis madurados e pensados que os anteriores, pero cun ton similar. Tamén hai ilustracións, neste caso do debuxante e humorista Santy Gutiérrez, colaborador habitual da prensa. A principal novidade é que nas lapelas van dous infográficos-poster, un sobre o ciclo de vida das estrelas e outro sobre o ciclo do carbono, realizados por Manuela Mariño, unha excelente infografista galega que traballa habitualmente para La Voz de Galicia.

Moitos de nós comezaremos a finais de ano a universidade, partindo da súa experiencia fóra, onde recomenda estudar en Galiza ou no estranxeiro?


Nos dous sitios. En Galiza hai bos centros de formación universitaria nos que internarse nesa parte do mundo que a cada un lle pode gustar máis. Ademais é importante comprender cómo funciona o noso sistema educativo, cales son os seus puntos fortes e as súas fallas, para, se cadra, tratar de mellorar a cousa. Pero tamén é certo que os mellores centros de investigación, polo menos de investigación científica, están no estranxeiro, principalmente en EEUU, algún país de Europa e Xapón. É moi útil visitar e traballar neses centros, non só pola formación que se obtén, senón tamén, pola mesma razón que antes, para coñecer como funcionan, comprender a súa maneira de traballar e, como non, para descubrir que tamén teñen moitos fallos e aspectos negativos.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Mimadriña!! e todavía ten tempo para escribires? Agardo polo seu novo libro!

Anónimo dixo...

Gústame como está redactado.
O que escribiu debe ser moi bo.
A miña máis sincera enhoraboa !

Anónimo dixo...

Hey, I am checking this blog using the phone and this appears to be kind of odd. Thought you'd wish to know. This is a great write-up nevertheless, did not mess that up.

- David