Visitas

2008/03/25

Un sistema desenvolvido pola USC ensinará a lingua de xordos na internet


Unha iniciativa posta en marcha por un equipo da Facultade de Ciencias da Educación da USC permitirá aprender a lingua de signos a través da internet para achegala, deste xeito, á sociedade. O sistema, que empregará software libre, terá a videoconferencia e o vídeo dixital como principais ferramentas, debido á importancia que ten o aspecto visual nesta lingua.

Os alumnos dispoñerán de titorías persoais e videoconferencias en grupos pequenos a través dunha plataforma virtual. A principal innovación con respecto a outros cursos é, precisamente, a interacción, segundo os seus responsábeis.

Por outro lado, desenvoveuse un curso multimedia para a aprendizaxe básica da lingua de signos co material que emprega a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza nos seus cursos presenciais. O curso probouse e comparouse cos resultados da formación presencial. Os profesores valoraron positivamente que a aprendizaxe é "máis intuitiva e rápida". Ademais, os alumnos pódense ver no vídeo tantas veces como sexa necesario, a xeito de adestramento. Despois, grávanse cunha webcam e envíanlle o exercicio ao profesor.

O curso tamén incide na expresividade que acompaña os xestos feitos coa man, polo que no vídeo tamén se amosan zonas específicas do corpo, como a expresión dos ollos. Os investigadores lembran que a comunidade xorda ten unha cultura particular, polo que non se traballa só en contidos lingüísticos, senón tamén culturais, para favorecer o desenvolvemento de actitudes para interactuar coa súa cultura.

Agora que o prototipo está testado, o seguinte paso será transferir a tecnoloxía para a súa posta en marcha e a súa utilización por parte da sociedade.

Fonte: vieiros.com

2008/03/01

Hai algún corrector de galego?

Hai un corrector automático para Office 2000, XP e 2003. A súa descarga é gratuíta e está dispoñible na páxina de Microsoft. Actualiza o paquete Office deses tres sistemas operativos ou calquera das súas aplicacións (MS Word - MS Access - MS Excel - MS Powerpoint - MS Outlook) para integrar este novo corrector dentro das súas opcións de corrección.Permite a corrección de erros ortográficos e tipográficos, segundo o vocabulario galego normativo actualizado que recolle a nova norma da Real Academia Galega (2003).



Tamén contamos co Ortogal, corrector automático en liña, da Universidade de Vigo.

A irmandiña do futsal golea a Uruguai


Galiza demostrou a súa calidade do comezo ao fin.
Partidazo, pero con todas as letras. Galiza goleou a Uruguai e viña un tanto detrás de outro. Só lles deixaron marcar un gol a catorce minutos de que terminara a segunda parte.
Ao final gañamos por 6-1

Fonte: www.vieiros.com

2008/02/16

Dominio .gal


O .gal é o domino que debe corresponderlle á comunidade galega, como comunidade con fortes vencellos (lingüísticos, culturais, históricos, sociais). A proposta encádrase nos doLogo Eu.galminios de primeiro nivel esponsorizados e é a que defende a Asociación PuntoGal e as entidades que integra.

A proposta do .gal non invalida en ningún caso a proposta dun dominio xeográfico de dúas letras (.gz, por exemplo). Para optar a estes dominios é preciso ser un Estado recoñecido polas Nacións Unidas ou algunha das súas axencias. Tamén é aplicable a Estados que formen parte da Corte Penal Internacional. Existe aínda outra vía: a inclusión na lista ISO 3166. Xibraltar entra, por exemplo, neste último caso. Catalunya, igualmente, aínda non renunciou a conseguir o seu .ct. O proceso, dende logo, é moi dificultoso.

A creación do barrio catalán, o .cat, serve de exemplo próximo e recente para as aspiracións do .gal. O seu primeiro dominio, estreado xusto antes do Nadal, www.domini.cat, foi creado pola Fundació puntCat, encargada de xestionar a súa concesión. “Un dominio que servirá para salientar a nivel global a existencia da nosa lingua e cultura”, afirman na web, “un feito excepcional do cal podemos estar lexitimamente orgullosos”.

Para acadar este dominio foi fundamental a suma de todas as vontades da sociedade civil, empresarial, así como das autoridades catalanas. Asociacións culturais, fundacións, empresas, entidades deportivas, persoas de toda condicións sumáronse cunha única voz a un proxecto avalado sen fisuras polas institucións. A unión e a forza da proposta fixo que o .cat fose o primeiro recoñecido mundialmente, feito que ademais abriu a porta para o .gal, entre outros. É preciso lembrar, finalmente, que o propio Estado español, que foi consultado pola ICANN antes de outogar o dominio, deu o seu visto e prace.

(Fonte: Asociación Puntogal)

Ti tamén podes axudar:
Apoio individual

2008/02/06

Xa é entroido!!




O Entroido ou Antroido celébrase en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os antroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín,Viana do Bolo, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa, e outros moitos máis, algúns dos cales están cualificados de "acontecemento turístico nacional" polo Ministerio de Turismo.

O ciclo do entroido ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda.

As súas datas fundamentais, por orde, son:

* Domingo fareleiro
* Domingo oleiro
* Xoves de compadres
* Domingo corredoiro
* Xoves de comadres
* Domingo de antroido
* Luns de antroido
* Martes de antroido
* Mércores de cinza
* Domingo de piñata

As máscaras máis representativas son as ourensás, que pertencen aos entroidos dun arco de vilas que nace en Maceda e Allariz, esténdese polo sur da provincia e remonta polo leste até chegar á Ribeira Sacra. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa performance é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, os irrios de Castro Caldelas, as charrúas de Allariz, as pantallas de Xinzo, etc