Visitas

2008/04/07

Clases de galego para alumnos do estranxeiro

A Universidade de Vigo oferta máis de 30 prazas para coñecer a realidade do país no verán
Estudantes estranxeiros poderán contactar este verán coa realidade cultura, social e natural de Galicia, á vez que aprenderán a lingua galega. Serán máis de 30 prazas para participar nestes cursos que oferta a Universidade de Vigo (UDV), aos que haberá que sumar outros estudantes que poderán contactar co idioma en programas da Universidade de Santiago de Compostela.
Concretamente, a UDV convoca por segundo ano consecutivo 20 prazas para o nivel elemental e 15 para o intermedio para viaxar a Galicia desde o estranxeiro en dúas fases durante xullo, do 1 ao 11 e de 12 ao 24 dese mes. Ademais, as clases realizaranse entre Vigo e Allariz.
Para iso, a institución convocará 25 bolsas de 450 euros cada unha que se outorgarán aos mellores expedientes, mentres que os desprazamentos entre as dúas localidades correrán a cargo da organización. En todo caso, o prazo de inscrición finalizará o vindeiro venres día 11 de abril. Deste xeito, os estudantes realizarán unha visita guiada polos petróglifos do Val Miñor e acudirán ao Museo de Castrelos para coñecer restos arqueolóxicos e pintura. En Baiona e na Guarda, os universitarios poderán contemplar a paisaxe, castros e arquitectura medieval; mentres que na Península do Morrazo, a paisaxe, as praias e os castros serán os protagonistas.
Así mesmo, o programa inclúe unha visita aos museos de muíño, do xoguete e do coiro de Allariz; ao museo Liste e ao Mosteiro de Oseira; á Citanía de San Cibrao e a Celanova e Bande, nas que coñecerán a arquitectura prerrománica. Ademais, outras das visitas destacadas será aos Canóns do Río Sil e as Medulas, en Ourense, e unha viaxe a Santiago de Compostela. No apartado musical, farán un taller co grupo Ultreia, que nas súas actuacións chegan a tocar ata medio centenar de instrumentos diferentes; estarán co Combo Roxo, un grupo músico-teatral con letras humorísticas; e escoitarán ao cantautor Leo de Matamá, que interpreta temas punk

Ningún comentario: